Presentación (20-9-95):

Como podedes ver escomenza unha nova etapa do departamento. Perdón, quería dicir que escomenza unha nova etapa no servidor Web do departamento. Permitídeme que vos roube uns minutos para presentala.

Observaredes que cambiou o aspecto da páxina de entrada. Agora a introducción vai dirixida máis ben á xente de fóra do departamento. Isto débese a que este servidor vai aparecer dun momento a outro (se as miñas fontes de información non fallan será o venres 22) no servidor da universidade, coas consecuencias de difusión que isto conleva.

Tamén desapareceu o exhorto a Elena e mailo curriculum da alumna de Hervella. En canto ó de Elena, estaredes comigo en que xa cumpriu de sobra: pediamoslle que preparase un xantar pagando, e preparou dous de balde. Non podemos dici-lo mesmo de Hervella pois prometera entregarnos un curriculum completo da súa alumna e aínda non o fixo. Por outra banda, unha directiva da reciente Conferencia de Pequín obríganos a retirar incluso o curriculum abreviado.

Pasando xa ás cousas novas, temos en primeiro lugar a organización do índice (con RECURSOS HUMANOS, DOCENCIA, INVESTIGACIÓN, PUBLICACIÓNS e VIDA DO DEPARTAMENTO). Non é máis que unha primeira aproximación e, nisto coma en todo, quedo á espera das vosas críticas e suxerencias, non o repetirei pero que non vos esqueza.

Na parte dos RECURSOS HUMANOS, e máis concretamente na lista de membros do departamento, a miña intención é que o nome de cada un sexa a porta de entrada á súa páxina personal. Por iso puxen tan pouca información na lista. A páxina de cada un será da súa exclusiva responsabilidade e eu non farei máis que de transmisor. Nela podedes poñe-lo que queirades e da maneira que máis vos praza. Podedes ver servidores doutros departamentos ou de facultades para vos facer unha idea do que se estila (áreas de interés, breve curriculum, afeccións, ou esa foto con C.S. da que tanto presumides). Cando teñades unha idea do que queredes que apareza poñédevos en contacto comigo para incorporalo. Por outro lado, no apartado de visitas pretendo que aparezan, con antelación, os visitantes do departamento coa información asociada a cada un deles. Este apartado fareino eu coas vosas informacións (para que haxa unha certa uniformidade na presentación); se estas non existen, desaparecerá.

A parte de DOCENCIA aínda non a teño moi perfilada pero supoño que haberá que poñe-la información básica (polo menos mentras os alumnos non teñan acceso á Web). Tamén haberá a posibilidade de que cada profesor amplie a información da súa materia.

A información sobre a INVESTIGACIÓN seguramente sexa a máis dificil de estructurar. Deixando á parte os congresos pasados, que xa irei facendo eu, hai varias posibilidades. Unha é a que se propón, na que eu elaboraría a información sobre liñas de investigación, proxectos, congresos futuros (e o que se vos ocurra) a partir do que vós me dixerades. Outra, non incompatible coa anterior, sería presenta-los grupos de investigación do departamento (se é que iso está ben definido) e que cada grupo se fixese responsable da súa páxina. En calquera caso, sen a vosa colaboración non se pode facer nada así que quedo á espera das vosas novas.

En PUBLICACIÓNS, como podedes ver, só me refiro á serie do departamento e poño os últimos números. Se vedes que interesa pódense poñer outros (incluso todos) así como outros apartados que a vós vos pareza.

Finalmente queda a sección que estás lendo: VIDA DO DEPARTAMENTO. A miña intención é que aquí apareza todo tipo de información de carácter interno. Algo así como un tablón de anuncios electrónico no que cabe todo (si, tamén o "Hola" do departamento). Se queredes que algo apareza aquí non tedes máis que comunicarmo por calquera medio (electrónico, celulósico ou sónico) e aparecerá sen nengún tipo de censura, coa vosa sinatura. E se hai demanda para unha sección de anónimos, tamén se fai.


© Tecedor do Departamento de Xeometría e Topoloxía.