2.5   A converxencia permite caracterizar a topoloxía dos espazos que estamos a estudar e, logo, calquera concepto ou propiedade que só dependa dela. Imos xustificar esta afirmación demostrando que permiten caracterizar os conxuntos pechados. 
            Antes de nada, ofreceremos unha maneira moi práctica e natural de construír sucesións converxentes. Convén enfatizar que, practicamente sempre, cada vez que necesitemos construír unha sucesión converxente imos recorrer a este método. De feito, condensa a idea clave para xeneralizar o concepto mesmo de converxencia a espazos máis abstractos. 
            Recordemos a propiedade de R de ser arquimediano: dado x∈R existe un enteiro natural N tal que x < N. Na proba do lema que segue, ímola utilizar para x = 1/r.
            Lema.- Sexa x un punto de X. Tomemos para cada n∈N un punto xn da bóla BX(x,1/n). A sucesión {xn} así formada converxe a x.